terça-feira, 30 de novembro de 2010

A última lección do mestre


No acto de despedida a Francisco Fernández del Riego o protocolo converteuse no testemuño da indignidade,ofreceunos a fotografía dunha primeira bancada repleta de personaxes que aproveitan os seus cargos para saír na foto mentres coa man de asinar bulen a desfacer todo aquelo polo que persoeiros coma del Riego loitaron ate o punto de poñer en risco a súa propia vida.E míraos aí, coa cara alta facendo o "paripé" no adeus a un insigne galego.
Demóstranos este acto o mais baixo do ser humano,as gravatas do poder, a imaxe coma único valor que ofrecer,o aparentar no que non se cre por obriga do cargo.
Outros, que somos pobo ficamos apenados polo pasamento dun noso mestre, outro mais,e no canto de engravatarnos exteriormente para que nos vexan facémolo respectando o que del Riego nos ensinou,facémolo loitando nas nosas vidas por continuar sendo fieis a súa obra,esa que en tempos ben mais difíciles para a súa integridade física continuou creando con dignidade e o orgullo.A mesma dignidade e
orgullo que nos inoculou por pertencer a un pobo,a unha nación que non precisa doutras culturas e linguas para se mostrar o mundo,que non se acomplexa nin está ensimesmada,senón que peta con forza nos corazóns de moitas galegas e moitos galegos para que sigamos loitando pola recuperación da nosa identidade,e farémolo a pesares da bancada que onte presídeo o acto de despedida dun BO E XENEROSO abofé que si.

sexta-feira, 26 de novembro de 2010

Analise do proxecto-reflexion do IGEA

Un novo proxecto,unha nova reflexión,unha mais que non tardara en recibir o fin co que nace,o caixón do lixo.
Lendo o que dende o IGEA nos queren facer chegar coma un ambicioso proxecto de futuro para a recuperación da nosa lingua a min invádeme unha sensación de baixada dun novo chanzo na dignidade da Galiza e a súa lingua que me desacouga.
Pártese no citado proxecto dunha análise do acontecido arredor da lingua,dos consensos e as rupturas das cesións e dos egoísmos.
Velaquí o fracaso, baixo o meu punto de vista, que leva implícito este proxecto-reflexion:atender e por en valor,xa non os egoístas, senón os que son herdeiros da negación da nosa identidade namentres rebaixa e vai apartando do caminho da recuperación da lingua os que cederon ou cando menos mantiveron un discurso de aceptación do consenso coa esperanza desa recuperación.Reconhecese no documento que a ruptura veu da man dos que egoistamente aceptaran o PXNLG coa única esperanza de
seren eles os únicos que o poderían desenrolar,a súa maneira e ate onde consideraran oportuno, os mesmos que unha vez outras alternativas poden e deciden efectivamente levar adiante e desenrolar dito plan dun xeito moito mais ambicioso, rachan o consenso con intereses partidarios e electorais.
Rachan este consenso falando de Bilingüismo ponhendo nun mesmo plano ámbalas dúas lingua,acoden a liberdade das persoas para poder vivir na lingua que elixan atrevéndose nalgún caso a falar de linguas propias de Galiza tanto para o galego como pretendendo outorgarlhe dito estatus o castelán,esta e a falacia do bilingüismo que neste texto se pretende suavizar cun novo nome "Bilingüismo Restitutivo"
Falar sinxelamente de conflito linguistico entre as dúas linguas e non querer profundar na realidade da situación,e simplificar e axeonlharse a un pasado ignominioso, e aceptar as teses dunha normal aceptación por parte do pobo do que foi sen dubida un proceso colonizador con tódalas letras e violencias que levan implícitos neste tipo de procesos,acudir o bilingÜismo para dar cabida a este
proceso ben facendo parte do mesmo proceso colonizador actualizado os novos tempos,Galiza non e Bilingüe nin socialmente nin a maioría das galegas e galegos somos bilingües,porque imaxino que o bilingüismo será entendido coma o dominio de dúas linguas por igual.
Senhores e senhoras asinantes de dito proxecto-reflexion,basear este proxecto na mentira do bilingüismo e falsear a realidade, o Galego coma lingua propia de Galiza deberá sempre ser considerado o idioma hexemónico desta terra e tratado coma tal, pola contra o seu proxecto-reflexion o que ben engadir o debate lingüistico e un paso adiante no proceso colonizador da lingua de Castela sobre o noso idioma.
Quererán ou non entender esta realidade,será ou non a solución os problemas que a colonización lhe creou a esta nación mais o quen non ten volta de folha e que ou o galego é hexemónico ou deixaráde ser.
Deberían dicirnos cando redactan proxectos coma este ate cando serán validos,cando se precisara doutro novo porque quen sexa nun momento determinado decida rachar outro novo consenso,onde ponhen vostedes o limite de retroceso para a nosa lingua,cicais no que hoxe negan,facer do Castelán lingua propia de Galiza.....todo é posible a vista do que se le.

quinta-feira, 25 de novembro de 2010

Un novo proxecto que me desacouga

Descubro hoxe un novo "Proxecto para o idioma galego.-...."leo o que nel se dí e non me gusta,deixame un desacougo de sentirme vencido nunha loita que considero irrenunciabel,mais adiante reflexionari mais a miudo sobre el agora tan so deixo aqui a ligazón para que quede constancia da súa existencia:
http://igea.eu.com/fileadmin/publicaciones/igea_informe_00_def2_02.pdf

segunda-feira, 22 de novembro de 2010

A crise coma arma politica

Onte a pesares da choiva xuntámosnos en Compostela unha boa cantidade de persoas para reclamar o noso dereito a unha sanidade publica,universal e gratuíta (pagada cos nosos impostos)para tódolos galegos e galegas.
Faise necesario reclamar este dereito diante do novo rumbo que o actual goberno da Xunta está a tomar con respecto a política sanitaria,medidas que entre outras cousas levan a adxudicar a construción dos novos hospitais de Vigo e Pontevedra con financiamento privado, unha hipoteca para o futuro de Galiza e con total seguridade unha perda de calidade e un encarecemento nos servizos que pasaran a ser controlados por empresas privadas.
Aproveitase o momento para facer semelhante atraco o pobo coa escusa dunha crise que tanto vale para un roto coma para un descosido;esta mala situación económica ben sendo utilizada dende diferentes gobernos para nos roubar dereitos,coma é o caso do que estamos a falar,mais tamén pode ser a escusa para ponher na rúa a milleiros de trabalhadores e trabalhadoras, do mesmo xeito que se ben utilizando para subvencionar os verdadeiros culpables de esta situación, eses que especularon
coa riqueza que non existía para encher os petos nas maduras e agora que tocan as duras mamar do estado para non perder o ritmo de ganhanzas as que estaban acostumados.
Non nos enganemos,a política neoliberal que nos queren facer tragar a forza non é a salvación da sociedade nun tempo de vacas fracas,e tan só o medio que os poderes de sempre atopan para continuar cos seus negocios a conta dos cidadáns,así que eu decididamente sitúome na outra beira destes defraudadores profesionais que se queren facer pasar por políticos.Onte manifestamos o noso desacordo nun terreo tan importante como o sanitario,manha por calquera outro dereito que estes defraudadores ponhan na corda frouxa,terannos de frente.

sexta-feira, 19 de novembro de 2010

SOS sanidade

Esta fin de semana toca manifestación,outra-volta caminho a Compostela desta vez colheremolo tren para defender o dereito a unha sanidade publica e gratuíta,xogámonos moito porque conhecendo como conhecemos a esta dereita ultra sabemos que o que nos vende como imprescindible como consecuencia da crise,virará co tempo nunha peaxe a pagar cando nos sexa preciso recorrer o sistema sanitario.
O PP e un partido que ten contas que pagar e pretende pagalas a costa dos usuarios da sanidade,as empresas amigas agardan coma boi tres pola prea,xa se frotan as mans co negocio que albiscan nun horizonte cada día mais próximo.
Todos nos témola responsabilidade de paralhe os pes,porque a saúde non é un luxo co que se poidan enriquecer os amigos do poder,a sanidade e un dereito do que non podemos renunciar baixo ningún pretesto,o que queira sanidade privada que a pague mais non a conta do sistema publico e gratuíto,pagado cos impostos de todos para tódolos que o necesiten tenhan mais ou menos poder económico.

segunda-feira, 15 de novembro de 2010

Galiza traizoada polo seu goberno

Non é difícil entender que calquera persoa que cre en algo pon todo o interese en defendelo,argumenta e busca solucións,debate,escoita,aporta,todo con tal de levar a fin aquelo no que cre.
Isto e o que fai calquera que ocupando un posto de primeira liña do proxecto polo que apostou faría,se non cre nese proxecto o lóxico e que directamente non se presente a facerse cargo del.
Galiza ten un goberno que entre outras obrigas ten e a da defensa do seu idioma,dínolo o estatuto de autonomía no seu 5 artigo:
http://www.xunta.es/titulo-preliminar
A lingua propia desta terra sufre unha secular discriminación,foron maltratadas as persoas que a usaban de forma natural,foi prohibida e vilipendiada o longo dos séculos de maneira activa para que se abandonase o seu uso,roubóuselle o dereito a ter leis que defendesen a normalidade da súa utilizacion e que lle aportasen valor diante das institucións e do pobo,todo feito dende un poder inimigo desta lingua e impositor doutra que é a propia dos colonizadores.
E de supoñer logo, que aquela ou aquel que toma a decisión de se presentar a presidir a Xunta de Galicia faino para defender con unllas e dentes o seu estatuto de autonomía, este mesmo estatuto que lle outorga o poder de presidir o máximo órgano de decisión de Galiza,o seu goberno,o mesmo estatuto que obriga os poderes públicos a garantir e potenciar o uso da lingua propia.
Diante desta situación un non chega a comprender a actitude de quen fai abandono destas obrigas para, no canto de defender a lingua galega continuar a cometer a ignominia de abandonala a súa sorte,de lle roubar outra-volta o dereito a este pobo a darlle o valor que lle corresponde a súa lingua propia,e todo isto feito dende a máxima responsabilidade do goberno de Galiza.
Porque non queda outra que entender que a actitude do actual presidente da Xunta e a de desprestixiar a nosa lingua cando fala de "imposición" referíndose o ensino da lingua propia,cando afirma que é un acto de liberdade o non saber e non utilizar o galego,a de situar nun plano de inferioridade as outras linguas do estado con respecto o Castelán cando lle chama atención a súa colega de partido por utilizar "demasiado" a lingua propia da súa terra, o Catalán mesmo estando
de invitado nun acto en Catalunya;estas palabras só poden saír da boca de quen non cre no que representa.
Un discurso coma o de Feixoo poderase facer dende posicións negacionistas dos dereitos dos pobos,mais non pode validar dende a defensa da cultura e da lingua da terra que goberna,nin tampouco dende a defensa do estatuto de autonomía que ten a obriga de cumprir,por iso podemos acusar a este señor de facer deixazón das súas obrigas,de utilizar o poder para dinamitar dende dentro o propio estatuto
de autonomía,de pretender levar a Galiza de novo os séculos mais escuros da súa historia, e por iso tamén temos a obriga de pedirlle que abandone o posto que ocupa e no que non cre.

quarta-feira, 10 de novembro de 2010

Bluff Feixoo

Bluff=
1)Montaxe propagandístico que, unha vez organizado,revelase falso.
2)Persoa ou cousa revestida dun prestixio que co tempo revelase falto de fundamento
3)Definición moi acaída o actual presidente da Xunta Feixoo.

Despois de ano e oito meses de ocupación de San Caetano caen as caretas dos que chegaron o gobernocunha campanha electoral baseada na mentira:
lembramos as grandes promesas: o paro en 15 dias seria historia;
lembramos as grandes manipulacións: unha imposición con guión Faes;
lembramos as grandes mentiras:unha flota de coches que na maioría foran mercados polo mesmo Feixoo ou polo goberno o que el pertencía.
Estes son algúns dos exemplos dos grandes titulares para os cartaces electorais,mais agora chegou a hora de botar contas do grande líder que nos prometeu a salvación de el ganhar as eleccións.
O paro non deixa de medrar e as expectativas indican que o vai seguir facendo no futuro,a imposición coa sinatura FAES converteuse nas mans de Feixoo nun aval para rebaixar no ensino e fora del a presenza da lingua propia de Galiza (por primeira vez dende que temos autonomía) ,os coches que lhe serviron de manipulación dunha mala xestión, aparcados nos garaxes ou vendidos por baixo do seu prezo mentres se mercaron outros novos.
Despois de ano e oito meses descubrimos a verdadeira faciana da mentira,un goberno ausente nos grandes problemas que ten a nosa terra nuns tempos de crise que agravan a situación, un goberno que se nega a gobernar porque só existe para levar o seu presidente ala onde en verdade ten o punto de mira,as próxima eleccións estatais ben para formar parte dun hipotético goberno en Madrid ou como recambio do outro Bluff, Raxoi.
Un goberno que recua coa facilidade que da o medo a reacción social que poida levar os titulares o fracaso dun político que vive pendente en exclusiva do seu propio futuro.Velaí o Bluff para aqueles que acreditaron nun mentireiro que andaba a pilhota do poder,o Bluff que os que estaban no poder non foron quen de facer visíbel a cidadanía.
Agardamos que os hoxendía opositores non deixen pasar a ocasión de bater co punho enriba da realidade a que este Bluff está a levar a nosa terra,non lhe faltan dende logo ocasións,a última unha visita Papal que se pode de cualificar de engano masivo, e que como sempre agora diante do fracaso miran cara outro lado.Estamos agardando pola oposición.

segunda-feira, 8 de novembro de 2010

Maiorias Silenciosas

Lémbrome da frase antolóxica do presidente Feixoo a conta das primeiras manifestación que se levaron a cabo coa lea da lingua,diante das históricas cifras de participantes nesas primeiras manifestacións EL recórreo a maioría silenciosa,aquela que o quedar na casa doulle o apoio incondicional a súa
política lingüistica.
Daquela o insigne presidentiño sinteuse apoiado por unha "procesión de caladiños"que portaban no seu trono as teses da nova Xunta, as que nos viñan redimir dos impositores os que EL,sabio líder,substituíu para proclamar a "libertá" que nos roubaran.
Hoxe despois dunha visita Papal que o mesmo líder nos prometeu viña ser a solución que Galiza precisaba,unha visita que enchería as rúas de Compostela de peregrinos(200,000) dispostos a deixar baleiros os negocios do xénero co que traballan,dispostos a encher os hoteis da cidade e comarca,unha visita que nos situaría no primeiro plano informativo a nivel mundial,hoxe o noso presidente
pasase o bando dos caladiños e infórmanos que EL non ten que cifrar a cantidade de xente que acudiu o evento Papal,a súa misión e a do actual goberno da Xunta limitouse a facer hipóteses sobre o que lle conviña a EL e mais o seu goberno,e en todo caso desta volta a Maioría silenciosa está ben claro o que nos di co seu silencio:"o apoio maioritario de Galiza a esta visita tamén se demostra
quedando na casa, facendo exercicios espirituais e rezando o rosario,que sen dubida foi o que fixo esta nova procesion de Caladiños."
Os críticos que non sabemos interpretar as mensaxes das maiorías silenciosas adicámosnos a manipular ao noso favor a baixa asistencia a tan ilustre visita,manipulamos a dilapidación de cartos públicos que se fixo dun acto de carácter privado,manipulamos a utilización das forzas de seguridade do estado
postas o servizo dun líder espiritual que ven a criticar as leis dun estado aconfesional,en fin o de sempre queremos manipular os silencios dos que desta volta ficaron calados,mais só EL o líder,e quen de interpretan as verdadeiras mensaxes das maiorías silenciosas.AMEN

quarta-feira, 3 de novembro de 2010

Correo de protesta a Telecinco

Como asinantes do "Manifiesto por la lengua común" deixan vostedes de ser un medio de
comunicación imparcial con tódolos territorios do estado.
Lémbrolles que dentro do estado español ademais da lingua Castelán existen tres linguas mais:Catalán,Éuscaro e Galego que tamén son oficiais nos seus territorios, onde ademais son linguas propias,son xa que logo linguas comúns para os habitantes destes territorios.
O que este manifesto pretende e nin mais nin menos que situar nun plano de inferioridade estas outras linguas o atribuírlle o Castelán un maior status como "lingua de comunicación dun ámbito superior".Deberían de saber e valorar en positivo que tódalas linguas, independentemente da cantidade de falantes que as utilicen son por definición igual de importantes, pois a realidade e que tódalas linguas son a mais grande expresión dos pobos que as crearon,vostedes no canto de
defender o valor cultural que significa ter varias linguas nun territorio apoiando os idiomas en inferioridade de condicións, por exemplo utilizando a toponimia orixinal na súa programación entre outras moitas cousas que como medio de cominación de todo o estado tamén nestes territorios,poderían facer,decántanse por asinar dito manifesto que ten como base limitar a capacidade desas linguas a se rexenerar despois de ter sufrido o longo dos séculos a persecución e a discriminación contra os seus falantes.
Polo tanto vista esta actitude por parte da súa empresa, e como medida de protesta deixarei de sintonizar a súa canle ate que a actitude contra o noso idioma, neste caso o Galego,sexa de respecto.